Friday 03 de May de 2024

A Xunta aposta pola investigación e a innovación para dar resposta aos retos enerxéticos e medio ambientais do futuro


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou hoxe o novo laboratorio de AIN Active en Teixeiro

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou hoxe que a innovación é un “factor imprescindible” no eido do medio ambiente á hora de reducir as repercusións que “o impacto da vida moderna ten sobre o noso contorno”.

Así o salientou durante a súa visita ao novo laboratorio de AIN Active en Teixeiro, onde subliñou que “só a través da investigación e a innovación poderemos dar resposta aos retos enerxéticos que nos presenta o futuro, ao mesmo tempo que tamén damos resposta aos retos medio ambientais, como o cambio climático, a conservación das especies ou a calidade das augas”.

Mato considerou que estas novas instalacións de Teixeiro, “de calidade e innovadoras”, axudarán a mellorar o coñecemento e a construción de novas infraestruturas hidráulicas, un aspecto “esencial” para a Consellería que dirixe, tal e como se demostra no novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa. En concreto, o Goberno galego achegará 423 millóns de euros ata 2021 para implementar as medidas recollidas nesta folla de ruta.

Este compromiso coa mellora e saneamento das augas demóstrase tamén nos 54 millóns de euros que se investirán en 2016 en obras hidráulicas, un 43,6 por cento máis que neste ano.